
As Neves (Pontevedra)
Adegas Luz está ubicada na parroquia de Setados do concello de As Neves, na comarca do Condado, unha das subzonas da denominación de orixe Rías Baixas.
Luz

Enrique, Félix e María Luz
Adegas Luz leva o nome da nai de Félix Fernández e da muller de Enrique. Esta adega familiar, traballada polos tres integrantes desta familia de As Neves, conta cunha tradición de máis de trinta anos facendo viño.
Sempre foi unha adega familiar. Nada cambiou cando no ano 2006 decidiron profesionalizar a súa produción vinícola, integrándose dentro da denominación de orixe Rías Baixas, un arduo proceso para esta familia por todas as reformas que necesitaron facer tanto a nivel económico como de tempo.

As reformas para a posta a punto profesional da adega leváronse a cabo os fines de semana, que era cando a familia tiña tempo para facelas. "Non tiñamos descanso, pola semana a traballar e sábados e domingos con reformas na adega", comenta Félix. "É necesario estar dentro dunha denominación de orixe por todas as vantaxes que aporta, tanto sanitarias como a nivel de marca.
O nome Rías Baixas custa os seus cartos, pero merece a pena polo recoñecemento que isto supón por toda España e a nivel internacional", sentencia Félix.

"A adega sempre necesita reformas, algo do que nos ocupamos eu máis meu pai, que sempre anda na viña e por iso non está aquí comigo na entrevista", declara Félix entre risas. Pensan ampliar a adega para poder incrementar a produción e ter espazo na mesma para poder organizar catas dos seus viños.
Viñedos e métodos de cultivo
O viño producido por Adegas Luz extráese das catro hectáreas de viñedo que teñen na súa propiedade. Algunhas cepas cunha antigüidade superior ós cen anos, herdadas directamente dos seus antepasados. Outras, compradas a outros viticultores da zona, debido á necesidade de incrementar a súa produción.
O método de cultivo tenta respetar o máximo a natureza, emulando os métodos máis antigos de traballo, mesturado coas opción que ofrece a tecnoloxía, algo fundamental para profesionalizar a elaboración dos seus caldos.
![]() | ![]() |
---|---|
![]() | ![]() |
![]() | ![]() |
![]() |
Abadía de Tortoreos
Félix e os seus pais comercializan unicamente unha marca de viño: Abadía de Tortoreos, que conta con tres variantes de branco. Este nome débese á zona maioritaria onde se atopan as vides desta familia, coñecida como Tortoreos.
As tres variantes son: Albariño, Condado do Tea e Barrica, cada un coas súas singularidades. "A marca englobada como Albariño é, por dicilo de algunha maneira, a máis clásica", comenta Félix. "A de barrica é a mesma uva, pero deixamos o viño durante sete meses en barrica de roble francés". Por último, o Condado do Tea, que en próximos anos contará, ademais do albariño, con Treixadura.
En canto á cantidade de produción, Félix destaca que depende moito do ano, xa que ao ter un método de cultivo e elaboración tan natural, depéndese moito máis da colleita, do clima e das particularidades de cada ano, polo que a variación é ampla. Este último ano produciron aproximadamente un total de 8.000 litros de viño branco entre todas as súas variantes.

