top of page

INFOGRAFÍA D.O

A comarca do Ribeiro, a pesar do seu pequeno tamaño, é unha das primeiras que se especializa en viticultura, de aí que a súa denominación de orixe, Ribeiro, sexa a máis antiga de toda Galicia, e tamén, unha das máis lonxevas de toda España. A súa creación data do ano 1932.


Hai un momento moi curioso no que a xente cultivaba exclusivamente viño, e tiñan que importar o resto de alimentos como o leite, os cereais ou a carne. No Ribeiro, todo era viño, e as súas xentes non tiñan tempo nin sitio para máis alimentos.


Dende a Idade Media foi unha comarca de vital importancia para a elaboración de viño. Un viño loado por personalidades como Afonso X O Sabio ou Miguel de Cervantes Saavedra. O viño do Ribeiro, chamado viño de Ribadavia naquela época debido a que esta era a capital, exportábase a Gran Bretaña, Flandes, Italia e outros lugares. Era un viño branco fundamentalmente, aínda que tamén existía o tostado, un viño moi laborioso de facer e que requiría moito tempo, polo que o seu prezo era máis elevado. Era un dos viños máis coñecidos en España.


Durante a segunda parte do S XIX, a comarca entra na fase da emigración: os galegos que marchan a Buenos Aires ou a A Habana toman o que denominaba "viño da despedida", que era o viño galego. Por mor da forte competencia de outras rexións vitícolas e o sistema de comercialización arcaico propio da época, o Ribeiro perde forza no mercado, e isto supón a que, paulatinamente, se fora convertendo nun viño de comarca e de Galicia, e pasa das variedades brancas ás tintas, debido o feito de que se converteu nun viño máis enfocado cara as clases máis populares, que prefiren o viño tinto, xa que consideran que é o viño máis nutritivo, que máis alimenta.


Paralelamente, o Albariño comeza a adentrarse con forza no mercado a partir dos anos 60 sobre todo, a raíz das melloras dos procesos tecnolóxicos ou na vendima, o que conlevou que o Albariño sobrepasara o viño do Ribeiro dende os anos 80. Así, a partir deste momento, o Albariño pasa a ser o viño identitario de Galicia.

A denominación de Orixe Ribeiro está situada na Galicia meridional, no borde noroccidental da provincia de Ourense, nas confluencias dos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia. Conta cunha extensión aproximada de 2.800 hectáreas de viñedo, situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Puxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Os viñedos esténdense dende os 75 ate os 400 metros de altitude.


 

  • Vimeo - Black Circle
  • Instagram - Black Circle
  • Facebook - Black Circle
bottom of page